Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Recursos humanos

Áreas

O Boletín Oficial da Provincia fai públicas hoxe as bases xerais para a selección de persoal funcionario interino e laboral temporal do Concello de Ourense así como do Consello Municipal de Deportes. Coa súa publicación [consultar BOP] entrarán en vigor dende mañá, 5 de febreiro.

Estas bases terán efectos xurídicos sobre as novas convocatorias que faga o Concello de Ourense e / ou o Consello Municipal de Deportes. En ningún caso afectarán a aqueles procesos de contratación que foran iniciados con anterioridade baixo os criterios das bases xerais de 2013.

Os procedementos de selección artéllanse mediante a formación de listas ordenadas, diferenciando dous sistemas para a súa formación: en primeiro lugar, e con carácter preferente, a partir dos resultados dos procesos selectivos de persoal fixo realizados nos tres anos anteriores; e, en segundo lugar, en defecto do anterior, mediante procedementos especificamente dirixidos á formación das listas de candidatos.

Respecto á formación de listas a partir dos resultados dos procesos selectivos de persoal fixo, prevese que a formación de listas sexa de aplicación tamén aos procesos selectivos de promoción interna.

Con respecto aos procedementos específicos as novas bases admiten a posibilidade de calquera dos tres sistemas previstos no noso ordenamento (oposición, concurso – oposición ou concurso) podendo optarse de forma motivada por calquera dos tres en función das características das prazas convocadas.

A norma prevé tamén a posibilidade de realizar probas de aptitude física ou psicotécnica, así como de coñecemento da lingua galega no caso de que este non sexa acreditado de forma documental.

Atendendo a natureza temporal destas prazas, procurase axilizar e simplificar os procesos de oposición, limitando o tipo de probas a un máximo de dúas, debendo ser en todo caso unha proba de carácter obxectivo e/ou unha proba de carácter práctico.

Cando o sistema de selección escollido sexa o concurso, para formar parte das listas será necesario acadar cando menos o 5% da puntuación máxima establecida e procúrase definir con maior precisión o contido dos baremos, acoutando a puntuación dos méritos de formación, e procurando que a ponderación relativa máxima dos diferentes tipos de mérito (formación/experiencia) sexa equilibrada.

Como novidades, no ámbito da formación recupérase a valoración de titulacións de nivel superior diferentes a esixida e os baremos dos cursos faranse asignando unha puntuación por hora, e non por tramos; respecto á experiencia, valorarase, en determinados casos, a prestación de servizos de profesionais autónomos -cando sexa aconsellable pola natureza das prazas convocadas- e non polo tempo de alta no RETA, amais da de traballadores por conta allea, públicos ou privados.

Por último, unifícase o prazo de vixencia das listas en tres anos e queda prevista a posibilidade da súa prórroga expresa por un ano, se ben condicionada a que no mesmo acto se aprobe a convocatoria dun novo procedemento para a renovación da lista.