Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Cultura

Áreas

Cartel da Exposición Choiva

O Museo Municipal (rúa Lepanto) ampliará a exposición Tempo, de Isabell Seidel, cunha nova serie de 25 acuarelas inspiradas na auga e na choiva. Logo de 4 meses dun éxito absoluto de visitas, tanto de veciños e veciñas da nosa cidade coma de turistas, contabilizáronse 4.129 entradas sen contar os grupos de escolares de diferentes idades e, en xeral, colectivos moi interesados polas obras de arte, especialmente pola obra da artista xermano-ourensá.

Entroido de Verán.

O vindeiro día 14 de outubro terá lugar a celebración do Entroido de Verán na cidade de Ourense. Coa finalidade de animar a persoas e grupos a participar nesta actividade, a Concellaría de Cultura, en colaboración coa Asociación Cultural Praza do Correxidor convocan un concurso de disfraces dotado con 1.425 euros en premios. As persoas interesadas poden inscribirse ata o día 9 de outubro, presencialmente ou a travñes de correo electrónico.

Concurso de carteles

O Concello de Ourense convoca un concurso para elixir os carteis anunciadores de dúas das próximas citas do calendario festivo local: o Samáin – Festa de Todos os Santos, que se celebrará o día 31 de outubro, e os Magostos, festa de interese turístico, que se desenvolverá o día 11 de novembro. O concurso está dotado con premios por importe de 600 e 800 euros, respectivamente, e pretende estimular a participación de profesionais do deseño que desexen presentar as súas propostas para anunciar estas celebracións emblemáticas do outono na cidade.

Dalia Quartet

O mércores 4 de outubro iníciase no Teatro Principal unha nova tempada do Enclave de Cámara co concerto de Dalia Quartet, cuarteto de corda catalán que interpretará A Arte da Fuga de J.S. Bach e obras de Haydn, Guix e Brahms.

Presentación do espectáculo Keltia.

A Praza Maior de Ourense será o escenario polo que pasarán, este domingo 17 desde as 20:30 horas -con acceso libre e gratuíto-, 5.000 anos de historia de Cultura Atlántica da man do musical Keltia. 35 actores, 8 músicos sobre o escenario acompañando en directo a representación e un grupo de gaiteiros son os vimbios cos que o musical pechará a súa xira por Galicia

Presentación do ciclo En clave de Cámara.

A quinta tempada do ciclo de música clásica Enclave de Cámara traerá a Ourense, na súa cita mensual -a primeira cita será o mércores 4 de outubro- un amplo repertorio desde o último barroco á contemporaneidade interpretado por músicos de primeiro nivel internacional.

Presentación de "O Rei morre", de Sarabela teatro.

Sarabela Teatro estrea, este venres 15 no Auditorio Municipal desde as 21:00 horas, a súa última obra: O Rei morre, unha versión libre do texto orixinal de Eugene Ionesco que conta coa dirección de Ana Vallés. A dramaturga, que define a obra coma “unha metáfora do tirano que se aferra ao poder”, presentou een rolda de prensa a súa última proposta coa asistencia do elenco de Sarabela, do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez e do director da Agadic, Jacobo Sutil.

De esquerda a dereita: Eva Torres, Aurora Gómez e Belén Iglesias.

O Auditorio Municipal presentou a súa proposta expositiva para os meses de setembro e outubro. Son 'Os paraísos perdidos', da artista Aurora Gómez, unha compilación de 22 lenzos que destacan pola súa delicadeza cromática e que presentan escenas cheas de lirismo froito da súa imaxinación máis creativa. A concelleira de Cultura animou a todos os ourensáns a pasear polo Auditorio para mergullarse de cheo no universo da artista.

Logo da programación do Auditorio

O Auditorio de Ourense inicia este venres con Estrazalonia , teatro para bebés a cargo da compañía O baúl da tía Tola (pases ás 18 e 19 horas), a Programación Infantil para o segundo semestre de 2017, organizada pola Concellería de Cultura cun reto firme: “Que o Auditorio sexa punto de encontro para as familias e porta de acceso de nenos e nenas ao mundo das artes escénicas”, en palabras do alcalde, Jesús Vázquez.

Sutil, Vázquez y Belén Iglesias.

O Concello de Ourense e Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, veñen de asinar un convenio de colaboración para o desenvolvemento dunha nova edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (20/27 de outubro). Ambas institucións consideran esencial o establecemento de accións conxuntas durante 2017 para afondar na promoción do sector audiovisual galego, polo que a Agadic destinará un total de 35.000 euros para esta edición.